Chego do traballo. Comeza a raia-lo día despois dunha longa quenda de noite. Teño o corpo tan feito po que xa case nin me teño de pé, hoxe tivemos unha desas longas xornadas que acaban con un. Os meus ollos rexeitan do seu, quéixanse con tremendas picazóns e emborronan a miña vista. As miñas pálpebras pesan toneladas e cada vez que se derruban cústame un ceo subilas. Ademáis, eses dolorosos ascensos acompáñanse dunha tremenda rañeira como se milleiros de afiadas fouces os resvestisen por dentro.
Estou ó carón da porta do meu piso, diante da porta, por fin. Antes de entrar, penso. Se as zapatillas da miña muller están diante da porta do cuarto da pequena, entón durmirei só o que lle queda á noite. Ese é o sinal de que ela está dentro, coidándoa. Sempre fai o mesmo cando a chama repetidas veces no medio da noite.
Meto a chave na fechadura e entro, amodo, sen facer nin o máis mínimo ruído, ó máis puro estilo Tedax, coma se o recibidor estivese infestado por milleiros de minas antipersoa. Paseo a mirada polo chan en busca daquelas pequenas zapatillas, alumando coa leve luz da pantalla do meu teléfono. Así é, aí están, deberon pasar mala noite.
Vou á cociña en silencio e almorzo algo rápido pra acalar a cansina linguaxe comezada polo meu bandullo facía xa unhas horas. Ó saír fágoo coas luces apagadas. Sempre me axudo do móbil pra ver pero hoxe levo as mans enredadas así que farei o traxecto de memoria.
Lembro dunha volta, nun caso coma este, que a miña muller se ergueu e me deu un susto de morte. Naquela ocasión, saíu caladiña do cuarto da nena e cruzouse comigo no medio do pasillo, en plena negrura. Case morro naquel intre. Creo que daquela o meu corazón ata deixou de palpexar e que polas miñas veas deixou de pasa-lo sangue por unhos segundos.
Cabilando neses recordos, saio da cociña cara o meu cuarto. Agora que xa o pensei, seguro que non me volve a sorprender no caso de que saia e se atope comigo. Ademáis, aínda que non vexa nin chisca, teño a certeza de que poderei oíla vir, todo está en silencio.
Levo o meu iPad debaixo do brazo, o cargador e o teléfono suxeitos coa outra man. Teño pensado aproveitar un cacho antes de durmir pra ler algo de actualidade. Anque me sinto máis despexado non creo que aguante moito tempo, quizáis unhos segundos, pero dame o mesmo, así tamén me fai de somnífero e logo engancho a durmir, que me fai boa falla.
Saio por fín ó corredor e logo de pecha-la porta da cociña, crúzoo. Paso por diante do cuarto da cativa, miro pra ela. Aínda que non a vexo a través da escuridade, sei que está aí. Poño rumbo á miña cama sin determe, estou moi preto do meu máis que merecido descanso. Daquela, de súpeto, no medio da negrura que me envolve, sinto como me collen dun brazo. Nada, penso, saíu a muller e non a sentín. Que coidadosa se tornou co conto de non espertar á pícara... Deseguida, sen deixar corre-lo tempo, falando polo baixo para non desfacerlle o plan, susúrrolle:
-Case me das un susto de morte, menos mal que xa non sería a primeira vez... ¿Qué tal a nena, deuche a noite? -preguntei rápido, unindo as frases unhas con outras.
O silencio que escoito durante un tempo preocúpame. Non entendo por qué non me responde, ó millor está adormecida, pero non me cadra aquelo coa forza que se está a exercer no meu brazo e a tensa respiración que se oe polo baixo e rebota nas miñas meixelas, ela non é tan alta coma min. Movo a extremidade un pouco pra tentar zafa-lo agarre pero éme imposíbel. Sexa o que sexa o que me está a agarrar, é máis forte ca min.
-Sóltame -digo atemorizado.
...entón puiden ouvir aquela taxante e metálica voz...
-Non. Viñen a levarte comigo, o teu tempo rematou, ¿lémbraste?
No hay comentarios:
Publicar un comentario